En solidariedade coa iniciativa catalá de someter a referendo a súa permanencia ou non no Estado Español

Diante da decisión da maioría parlamentar catalá -atendendo ao clamor cidadán expresado na última manifestación da Diada- de someter a referendo a permanencia ou non de Catalunya no marco do Estado Español, están a se realizar pronunciamentos a nivel español (ver manifesto publicado por El País o 3/11/2012, asinado surpresivamente por persoeiros das esquerdas españolas), en contra do dereito a decidir dos cataláns alegando diversas cuestións.

Desde a esquerda consecuente e desde unha nación tamén enmarcada no referido Estado como é Galiza, manifestámonos fronte eses ataques e a favor do devandito proceso soberano que o pobo catalán ten decidido poñer en marcha, aseverando dende o noso sentir e axir democrático que:

1º) A discrepancia coa política económica e social do actual presidente da Generalitat Artur Mas e do seu partido CiU, non debe servir como desculpa por parte de ningunha persoa que se considere de esquerdas para opoñerse ao dereito a decidir de Catalunya: dicir que se usa a crise como subterfuxio para axitar o independentismo e non percibir a ofensiva centralizadora que se está a acometer coa coartada da creba económica, é tan manipulador como a imputación que se lle fai a CiU de empregar o soberanismo como cortina de fume para ocultar a súa xestión, pois o anceio de Catalunya por decidir o seu futuro provén da maioría da sociedade daquel país e non pertence a ningún partido político en particular. Non obstante, o que está en xogo non son as tirapuxas partidistas; o asunto de fondo, é o dereito a decidir do pobo catalán, ou de calquera outra nación sen Estado propio se for o caso. Un dereito previo, mesmo, ás diferentes solucións que cada quen –e unha vez que teña capacidade para levalas a cabo- poida dar a esta crise; unha crise que, por certo, deixou en evidencia un dos seus elementos determinantes: a falta de control democrático sobre a economía, isto é, a falla de soberanía dos pobos.

2º) Unha esquerda que non botou man do federalismo após a queda da Ditadura franquista para opoñerse a un sistema político unitario e centralista, non está lexitimada para facelo contra as arelas de independencia que poidan existir. Así, pois, no feito de que a Constitución do 1978 non fose federal, algunha responsabilidade terán os que agora se acordan do federalismo e daquela non o defenderon. Salvo que recoñezan que houbo razóns de forza maior naquela altura que os levaron a relegar o devandito federalismo, isto é, que acepten explicitamente que a chamada transición non estivo exenta de imposicións antidemocráticas que influíron no que tan alegremente se denomina “Ley democrática hecha por todos y para todos”.
En calquera caso, o federalismo que é unha opción lexítima (como a independencia, claro está) nun proceso soberanista onde se recoñeza o dereito a decidir nas distintas nacións, estase a utilizar como muro de contención contra aquel dereito, que se elude. De aí, por certo, a adhesión entusiasta a manifestos como os citados dalgúns sinalados dereitistas, agora “federalistas” conversos.

3º) Aínda así, desde Cataluña pretendéronse lecturas desta Constitución que, respectando o seu texto, permitisen avances no recoñecemento do carácter plurinacional do Estado no que hoxe nos achamos. Sen embargo, o “cepillado” nas Cortes españolas, primeiro, e o uso partidista do Tribunal Constitucional, despois, botaron por terra calquera tentativa de abrir o actual marco xurídico para que tivera encaixe a diversidade nacional. A sentenza do TC contraria ao Estatut referendado polo pobo catalán, deixa en evidencia a quen apela á Constitución española para dar resposta á vontade democrática das nacións que hoxe integran este Estado, para alén da española.
É evidente o esgotamento desta vía; tamén a necesidade de manifestar que mentres non se recoñeza a realidade plurinacional do Estado e o dereito a decidir dos distintos pobos que o configuran, o sistema político español non será plenamente democrático. Por conseguinte, calquera das nacións que arestora o compoñen están lexitimadas para encetar o seu propio camiño fóra dunha estrutura que as nega e subordina.

4º) O negacionismo respecto da historia das agresións do Estado español contra Catalunya (“había cataláns en ambos bandos”, como se iso non acontecera en todos os procesos de dominación coñecidos até agora), renxe coa tradición da esquerda que soubo ver as acometidas contra os dereitos colectivos. Precisamente a orixe da esquerda foi para responder a unha burguesía que ocultaba as desigualdades entre colectivos na exaltación dunha universal liberdade individual abstracta, da cal ficaban fóra aquelas categorías invisibilizadas que non se correspondían coa identidade dominante (xéneros, clases ou nacións sometidas). É igualmente falso que non se alimentara e alimente a xenreira contra Catalunya –tamén, aínda que doutro xeito, contra Galiza e Euskal Herria-, por moito que se poña a venda antes da ferida.
No actual contexto, inzado de ameazas nada veladas, estes pronunciamentos súmanse a aquelas con intención de influír na opinión pública e, se cadra, para avalar ou xustificar calquera acto que impida o desenvolvemento do referendo catalán, isto é, impoñerlle pola forza a prohibición a expresarse.

5º) Esta campaña contra a soberanía de Catalunya –que tamén o é contra a vontade soberana de calquera nación a decidir democraticamente o seu futuro-, debería ter na esquerda difícil asento pola súa tradición, xustamente, democrática. De aí que quen isto fai, caia na contradición de soster a improcedencia de que un día os cataláns poidan resolver mediante unha consulta, coa escusa capciosa de que xa o fan todos os días (en cada unha das eleccións). Parécenos que chamar ás “forzas democráticas” a impedir o dereito a decidir do pobo catalán, non é compatíbel con dicirse de esquerdas e tampouco demócratas. É mais, alertamos precisamente dunha involución democrática alentada por chamamentos como estes, lexitimando ao Estado español para reprimir a expresión da vontade da sociedade catalá.

Por todo isto, desde Galiza, desde a esquerda e como demócratas, defendemos o dereito a decidir e apoiamos que Catalunya poida someter a referendo a súa permanencia ou non no Estado Español, tomando as determinacións que estime oportunas en relación ao seu presente e futuro.

Na Galiza, 5/11/2012

Ler @Polo dereito a decidir